Caos

Archived Posts from this Category

Abril…

Posted by leituga on 24 abr 2007 | Tagged as: Caos, Leitugadas

O mes de abril sempre é así. Aturdidor.

Pasan demasiadas cousas neste mes, polo menos na miña vida sempre foi así. Parece mentira, se ten só 30 días e normalmente unhas vacacións de por medio. Pero si. Abril.

Ando especialmente melancólica estes días, dentro dunha coiraza. Fago cousas que non debería facer, escoito a Yann Tiersen e a Sophie Auster (cousa que debería estar prohibida, xunto co Adore dos Smashing Pumpkins), leo libros tristes (e outros aburridos),  fago e refago estúpidos traballos, atópome a min mesma pensando en posibilidades remotas, pensando noutras cidades, pensando noutras vidas... cometendo erros. Atópome perdida, por incoherente que pareza, e non podo evitar repetirme unha e outra vez a mesma pregunta. Esa pregunta que ten unha resposta clara e diáfana no interior e que non quero que saia á luz. Porque a todos nos custa encara-la verdade, sobretodo cando non di o que nos gustaría. Sería marabilloso dicir 'fixeches ben, olla para adiante, que aí te-lo premio ao esforzo', pero non hai tal. Ollo para adiante e vexo incertidume, medo e... non sei.

Como creo que xa dixen noutro post, sei qué é o que non quero. Tamén sei qué é o que quero, e o que me gustaría. Creo que sei os pasos que teño que dar para chegar aí, pero tamén son consciente de que vou deixar moitas cousas polo camiño, de que me vou arriscar e de que pode saír mal. É tan probable que saia mal que ás veces sinto medo de dar ese paso. Pero teño que facelo. Quero facelo. Se polo menos tivese algún sinal, algún aceno, algo... que me axudase a pensar 'estou facendo o correcto', sería perfecto.

Non medredes nunca.

Soando: Yann Tiersen. L'absente.

Chuzame! chúzame -

Paralelismos…

Posted by leituga on 21 abr 2007 | Tagged as: Caos, Cousas..., Leitugadas

Aínda que sei que debería estar a preparar os -espero- derradeiros exames da miña vida universitaria, hoxe estoume a dedicar a outros mesteres.

 Non pensades que a vida ten ciclos? Eu si, aínda que non iguais, con certas semellanzas. Por curiosidade volvín ler as primeiras entradas do meu vello blog (anda a ligazón por aí) e resultoume sorprendente atopar isto, escrito nos primeiros días da miña andaina universitaria... aló polo 2003:

..."Sempre pensei que a miña vida tiña un antes e un despois, e a miña meta a acadar era chegar ata aquí, e unha vez que cheguei asáltanme as dúbidas: agora que? que se supón que debo facer? e se fallo? o medo ao fracaso xa non vén dado pola inseguridade de saber se chegaría ata o final, se o conseguiría algún día, senón por non saber qué facer a partir de aquí. É claro que continuar, pero... de onde se sacan os folgos para seguir, se teoricamente xa o conseguiches, se xa non tes que seguir loitando? (...) Supoño que a todos nos pasa nalgún momento, que nos atopamos un tanto desorientados, sen saber moi ben cara onde tirar. Non temos claro o lugar no que se sitúan as rochas, e temos medo de leva-lo barco contra elas"...

Sorpréndeme estar agora exactamente igual. Ter a mesma sensación, volver a sentirme perdida. Sinto que remata outra etapa, quizais a máis importante: pasar de ser estudante a ser... algo, despois de dúas décadas de formación académica... e non sei como enfrontarme a ela. Volvo a experimentar esa sensación de ruptura que notei anteriormente, pero con máis forza. Volvo sentir medo e valor ao mesmo tempo. Sei cal é o punto ao que quero chegar, pero non sei cómo, e teño medo de errar de camiño. Teño medo de facer dano a quen non debo e de que as esperanzas postas no futuro a medio prazo se desvanezan antes de poder chegar a tocalas.

O meu eterno problema: o medo.

Un chisco de paciencia, por favor.

Chuzame! chúzame -

Benvid@s!

Posted by leituga on 17 abr 2007 | Tagged as: Caos

Ás veces as decisións que parecen arroutadas son as mellores.

...se queredes saber máis da miña anterior eu http://leituga.livejournal.com

Xa me explicarei con calma, que hai máis días que lentellas.

Chuzame! chúzame -

« Previous Page