Política
Archived Posts from this Category
Archived Posts from this Category
Posted by leituga on 05 xun 2007 | Tagged as: Caos, Política
Supoño que agora moitos diredes 'sabíao', ou 'qué agardabas'. Pois eu o que agardaba non era isto. Eu agardaba a fin da loita armada, por riba de todo.
Baixo o meu punto de vista, todos se equivocaron. ETA cometeu un grave erro co atentado da T-4, no que morreron dúas persoas por pura mala sorte. E digo o da mala sorte porque o lugar onde se ía produci-lo atentado estaba desaloxado, agás por dúas persoas que durmían nos seus coches. O que nos leva a outra reflexión: por que durmían esas dúas persoas nos seus coches? Pois porque non eran de Madrid, vivían noutras comunidades. E que facían en Madrid? Ir buscar a alguén, porque o Estado centralizado só permite que os voos internacionais de longo percorrido cheguen a Madrid, e cando outras Comunidades plantexan xestiona-los seus aeroportos e amplia-la cobertura dos mesmos, Madrid di que non, non vaia ser que lles quiten importancia. Pero o centralismo exacerbado non é o tema de hoxe. Ao que ía, coido que ETA cometeu un grave erro co órdago que lanzou en Decembro. Estou convencida de que só pretendían lanzar un aviso, un pulso ao poder, pero trabucáronse nas formas. Un atentado, o roubo de armas ou o envío de cartas de extorsión a empresarios non son formas de garantir unha tregua.
Pero coido que desta vez non só foi ETA quen se equivocou. O PSOE confundiuse de camiño, por covarde. Tíñalle tanto medo ao voto de centro e ao pouco voto de dereita que raspa que non se atreveu a dar pasos importantes, pasos históricos. O que tiña que ter feito Zapatero (e o seu goberno, que non foi só cousa súa) era facer oídos xordos das críticas que lle chovían dende a dereita, e dende determinado sector da poboación que de súpeto, colleulle o gusto a saír de manifestación, e avanzar. Facer propostas, escoita-las do interlocutor e chegar a un termo intermedio. Que non queres que se independicen? Pois moi ben, pero cando menos non lles ilegalíce-lo partido.
Non hai ningunha xustificación política ou legal que permita ilegalizar un partido. Digan o que digan dende o goberno, é unha decisión anticonstitucional, coma a de pechar xornais. Onde se viu iso? Pois nas dictaduras. Estou convencida de que en Francia ninguén se cuestionou ilegaliza-lo partido de Le Pen (e si, coido que é a primeira vez que poño como exemplo de algo a Francia). Paréceme moi chistoso que nos escandalicemos co que fai Chávez en Venezuela, que pecha canles de TV por seren críticos co seu goberno, e nós aquí clausuramos Egunkaria e ilegalizamos todo o que cheire a abertzale. Independentemente de se estás dacordo con eles ou non, son unha opción política tan válida como pode se-la miña. E non é certo que estean a favor da loita armada como norma. Non é certo que sexan uns 'radicais' como norma. E tampouco é certo que cada contenedor que arde ou cada sucursal bancaria que se queima sexa por motivos políticos. Que en Vigo tamén arden e ninguén, agás Núñez Feijóo, falou de Batasuna en Galiza. Tamén se equivocou o PNV, sendo tan ou máis covarde se cadra que o PSOE. Se realmente o que queres é que o proceso avance, axuda a facer camiño, non fales de 'empurrar', senón de avanzar. O PNV, baixo o meu punto de vista, arrimouse á árbore que lle daba mellor sombra e mollouse en contadas ocasións. E por suposto, non vou falar do PP, porque eles teñen moi claro de onde veñen a meirande parte dos seus votos. Senón, non tería sentido que alentasen o discurso do medo ata nas eleccións municipais. Que xa me dirás qué lle importa a un de Motril ou a un de Ribadeo que a esquerda abertzale consiga ou non votos en Altsasu.
Con esta clase política covarde, máis preocupada polos votos das eleccións xerais que por facerlle un ben á sociedade, pouco imos avanzar. Interésalles moito que haxa un inimigo, reasinar pactos antiterrorismo, ser de cando en cando o centro de atención a nivel internacional porque hai uns tipos medio tolos que queren independizarse e matan xente. Con esta clase política o único que sinto é desprezo, porque non se decatan de que somos moitos os que confiamos na súa eficacia, no seu bo facer, para levar a cabo grandes proxectos, coma o da paz. Non se decatan de que estivo nas súas mans, de que o tiveron moi preto e que o deixaron escapar. A miña pregunta é: haberá máis oportunidades coma esta? e de habelas, vaise facer algo? O tempo dirá, pero eu non creo. Xa non confío en Madrid.
Se queredes ler máis: 1, 2, 3, 4,.
chúzame -
Posted by leituga on 03 xun 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas, Política
Supoño que moitos xa o coñeciades e outros tantos vístelo pola tele cando o emitiron, pero para os que non (ou para os exiliados):
Linguas Cruzadas, un documental feito para a TVG sobre o emprego do galego e o castelán nas novas xeracións, ou o que é o mesmo: nós e o bilingüismo esquizofrénico.
chúzame -
Posted by leituga on 02 xun 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas, Política
Non entendo qué aconteceu, porque o que escribira desapareceu. O que viña dicindo é que me parece escandaloso o que está a pasar en Gondomar. Resulta que a uns días de entrega-la alcaldía, Carlos Silva e os seus deciden adianta-la fogueira de San Xoan e queimar documentos oficiais e da concellalía de Urbanismo así, con toda a súa cara. E agora, descuberto o pastel, aparece o señor Silva na Voz de Galicia dicindo que non sabía nada do tema e que todo é unha estrataxema da oposición para desacreditalos. Pero é que aínda non se decatou de que el soíño se desacredita?
Os documentos da concellalía de Urbanismo, a máis corrupta de todas e que segue baixo sospeita, arderon misteriosamente. En fin. De xulgado de garda é este concello.
PD: O 15 de Xuño tralo derradeiro exame da carreira, volvo a Vincios (dez días). En xullo volvo DE-FI-NI-TI-VA-MEN-TE.
chúzame -
Posted by leituga on 28 mai 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas, Política
Co 70% do voto escrutado, atrévome a lanza-las campás ao voo. GRAZAS, GONDOMAR! Unha vez máis a democracia demóstrame que, se participas, funciona. Con autobuses cheos de vellos, con corrupción urbanística, con voto emigrante falseado... e aínda así, é posible.
Se a cousa queda así, o PP obtería 7 escanos, o BNG 5, o PSOE 4 e MOVE GONDOMAR 1, co cal, cun pacto entre BNG e PSOE, Antón Araúxo sería alcalde! Parabéns para el, e parabéns para tódolos que imos poder disfrutar desta nova etapa, da súa calidade como persoa e como candidato. Ogallá, ogallá a ilusión que sinto agora mesmo se vexa reforzada nestes vindeiros catro anos. Porque nolo merecemos.
Aburiño, Silva!
PD: Definitivamente, é unha etapa de cambio.
chúzame -
Posted by leituga on 26 mai 2007 | Tagged as: Cousas..., Política
Realmente agardades, veciños de Gondomar que estades a ler isto,
un cambio?
que Carlos Silva se levante do asento no que leva tanto tempo apoltronado e diga: 'perdín, voume'?
que a partires de mañán o voto non se compre a cambio de asfalto ou bocadillos?
que a partires de mañán o voto, directamente, non se compre?
que o Val Miñor deixe de aparecer nos xornais como a Marbella pontevedresa?
Pois eu si. Eu confío. Dádeme razóns para seguir facéndoo.
...e mentres tanto, outro ciclo que se pecha... ou non.
chúzame -
Posted by leituga on 21 mai 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas, Política
Son as sete da mañán. Esta noite durmín mal e aproveitei para levantarme e avanzar coas cousas de clase. Non sei se isto é responsabilidade ou estupidez, a verdade.
O caso é que mentres buscaba información sobre outro tema atopei un blog moi interesante. E mentres aquí nos saturan con promesas que ninguén vai lembrar pasado o 27 de maio, en Palestina están empeñados en soluciona-los seus problemas acabando coa pobación, e senón, xa se encargará Israel de dárlle-lo tiro de graza.
Frío, chuvia, vento e resfriado. Calquera diría que faltan 11 días para xuño (e 10 para o meu aniversario, non o esquezades!)
chúzame -
Posted by leituga on 01 mai 2007 | Tagged as: Política
Pero qué rabia dá cando estás media hora escribindo unha entrada analizando listas políticas, criticando e louvando decisións e falando sobre o que ti farías e de súpeto desaparece todo por arte de birli-birloque.
Internet e eu, esa relación de amor-odio.
Ben, en resumidas contas viña dicindo que me parece unha moi mala idea que Abel Caballero (por qué, deus, que che fixemos!?) leve de segunda de abordo a Chus Lago, a alpinista. Que si, que como alpinista demostrou moitas cousas, pero... no eido da política? É o mesmo caso que Santi Domínguez con Chano Rodríguez. A min Chano paréceme unha persoa excepcional, en serio. Coñecino cando estaba no instituto e pensei que era unha das persoas máis admirables de cantas vin na vida, tanto pola súa capacidade para resarcirse como por ser capaz de sacarlle partido á adversidade. Pero opino o mesmo que no caso de Chus Lago, que unha carreira deportiva ou profesional admirable non implica nada máis. De quen xa non vou falar é de Cori, por suposto, nin de Soto, aínda que o programa de Soto sempre é o máis gracioso de todos cantos se presentan, sobretodo cando estaba Arca, vaia dúo!.
Outra das cousas que non entendo, que non me cabe na cabeza, é o feito de que Santi Domínguez e Abel Caballero xa estean falando de pactos. POR FAVOR, NON! Prefiro catro anos máis de Corina Porro que un pacto do BNG con ESE INDIVIDUO. Ten razón o meu pai, sabio onde os haxa, cando di que prefire un alcalde do PP que un do PSOE... alomenos cos primeiros xa sabes o que te podes esperar, xa sabes que non che gustan.
Pero en realidade eu xa teño o voto dedicido dende... dende que coñecín a este home cando eu andaba no instituto. Gondomar, sitio distinto.
chúzame -