Leitugadas

Archived Posts from this Category

Leituga retornada

Posted by leituga on 19 xun 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

Vaiamos por partes, que dixo Jack o Destripador:

1- Cheguei a Vincios o sábado pola mañán, con maletas de cencocincuenta quilos (quilo arriba, quilo abaixo). Parece mentira a de cousas que se acumulan en dous anos (e o que falta por traer!)

2- Fáltanme dúas notas, pero de momento podo afimar que xa non vou volver pisa-la universidade, nin a viguesa nin a bilboeta como alumna. Son cuaselicenciada en Comunicación Audiovisual!

3- Esta tarde teño a miña primeira entrevista de traballo :-D

4- O resto da miña vida, está en Stand By.

5- Se queredes quedar, saber, preguntar, xa sabedes onde estou!

6- Mañán danme o meu flamante novo ordenador! :-D

7- en breve... exame de conducir. Socorro!

Chuzame! chúzame -

Rakel

Posted by leituga on 12 xun 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

A cousa vai de felicitacións ultimamente. Vese que finais de agosto e comezos de setembro é unha época que incita ao arrime, porque senón non me explico que haxa tantos nacementos entre finais de maio e comezos de xuño :P

Hoxe tócalle o turno a Rakel, ou o que é o mesmo, á raparigha. Rakel é, sen dúbida, a miña amiga máis antiga (que non a máis vella). A nosa historia vén de lonxe: temos un tataravó común, o que nos leva a bisavós irmáns e avós curmáns... e, ademais de ser veciñas, as nosas nais e tías son amigas dende sempre. Podería dicirse que estamos condenadas a entendernos, pero non é así. Coñecémonos dende moi cativas, e mesmo hai fotos que retratan momentos xuntas que eu nin lembro, aínda que en realidade non comezamos a levarnos ben ata os trece, catorce... por aí. Viviamos (agora en pretérito) preto e os nosos gustos musicais, literarios e reivindicativos coinciden ata extremos preocupantes :P.

Sei que xa o dixen algunha que outra vez, pero admiro moito a Rakel. Dende que eramos pequenas ela tiña claro qué era o que quería estudar, qué era o que quería facer e a qué se quería adicar. Sempre envexei a súa decisión (eu, a raíña da incertidume) e a súa capacidade para atoparlle o lado bo a todo. Ademais, Rakel é unha desas persoas que a miña nai chama reversibles: bonita por fóra, bonita por dentro :-)

Sei que debería ter escrito outra cousa, algo máis profundo, unha exaltación da amizade ao máis puro estilo etílico, pero en realidade o que quería facer con isto era, ademais de felicitala polos 23, darlle as grazas. Ela, ademais de amiga, crítica literaria, crítica cinematográfica e sobretodo gurú musical, é a miña confesora e unha orella sempre disposta a escoitar. Os seus consellos, os seus folgos, as súas dúbidas e mesmo as súas críticas levan axudándome anos e anos e anos, mesmo agora, na distancia (debería dicir: SOBRETODO agora, na distancia). Qué bo é saber que cando volte a casa vai estar aí para rir, para chorar, para pasar tardes no sofá coma antes, para tomar cañas e dar paseos polo Casco Vello, para ir a concertos, para facer tódolos plans que temos pendentes que sempre deixamos dun ano para o outro e que algún día cumpriremos. Que hai tempo.

Asko maite zaitut, Rakeliña! 

Zorionak!

Chuzame! chúzame -

Medo (outra vez)

Posted by leituga on 10 xun 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

É en momentos así, estando soa, cando máis me asaltan as dúbidas: ¿Estou facendo o correcto? Ogallá houbese algún xeito de saber que os pasos que damos van ser cara adiante.

De momento estou inmersa nunha amalgama de sensacións e non sei cómo describilas... ou como saír de aquí. Penso que o que fago é o que teño que facer, pero tamén que no meu egoísmo estou ferindo a moitas persoas, estoume levando por diante algo que poida que non se volva repetir. E dá medo.

Tiñas razón cando dicías que hai dúas eu: a que son e a que me gustaría ser. Estou tomando decisións para chegar a se-la que me gustaría ser... e coido que estou esquecendo á que son de verdade, a que vai sufrir por isto.

O outro día veume á cabeza unha palabra: inefable. Paradoxalmente, é a única palabra que describe o meu estado de ánimo agora. Se me preguntasen qué tal estou, non podería contestar. Que tal estou? pois ben pero mal, contenta pero triste, con ganas pero con medo.

Achégase o día D. Esta semana toca facer maletas, preparar unha mudanza e pensar no resto dos días. O meu lado valente dime 'adiante, non o penses dúas veces e faino, sabes que é o que queres facer'. O meu lado racional (o covarde, o que leva rexindo a miña vida tantos anos) di 'pénsao, é isto o que queres? estás segura? vaste arrepentir, e sábelo, e cando te decates será tarde'. E sei que non será ata ese momento no que eu chegue a ser consicente da magnitude da decisión, da magnitude do elixido. E non hai dúas vidas paralelas, non hai forma de saber cómo terían sido as cousas sen facer X, ou qué tería pasado se me quedo, ou se marcho a outro lugar en troques de voltar a casa.

Un amigo preguntoume o outro día se non me gustaba a sensación de non saber qué vas estar facendo dentro dunha semana. E non, a min non me gusta. A min gústame saber qué vou facer, onde e como. De momento só sei o onde: en Vincios. E haberá tantas cousas que queden atrás que será imposible enumeralas.

Chuzame! chúzame -

Parabéns

Posted by leituga on 06 xun 2007 | Tagged as: Leitugadas

Teño un irmán que hoxe cumpre 18 anos. É abraiante, facendo memoria, das cousas das que unha é capaz de lembrarse:

1-A primeira vez que fun consciente de que ía ter un irmán (ou irmá). Sei que papá e mamá mo dixeran varias veces, pero lembro unha tarde, á volta do cole, na que mamá me dixo que apoiase a cabeza na súa tripa e oínte. Lembro que dende aquel día aquilo converteuse case nun ritual, e eu (que son un toxo) dábache mimos e bicos extrauterinos.

2-Ías nacer o día do meu cumpre, o 31 de Maio. Ías ser, segundo papá e mamá, o meu agasallo máis importante. E ti, coma min, decidiches retrasarte unha semana máis. Xa che vale, tiven que agardar polo meu agasallo dúas semanas ata que saíches do hospital :P.

3-Cando voltaches do hospital despois da túa primeira operación. Tiñas bastantes puntos, e eu non tiña nin idea de cómo facer para que non che doesen. Lembro que cada vez que tentaba moverte ou axudarche facíache dano, e dábame moitísimo medo.

4-Aprendeches a ler e a escribir con tres anos... moito antes ca min. Odieite en silenzo (e a viva voz) durante meses :P

5-O día no que fixeches de McGyver e cortaches o cable da túa lámpada. Saltaron os plomos e chegaches á cociña coa manga do xersei churruscada e as tesoiras de corta-las unllas dos bebés. Menudo elemento!

6-Os días nos que estiveches ingresado pola segunda operación, con cinco anos, que chegaches a casa queixándote de que o Hospital era un sitio horrible no que entrabas san e saías enfermo.

7-Un dos peores recordos da miña vida protagonízalo ti: o día no que te desmaiaches na escola. Teño algunhas imaxes gravadas a ferro daquel día. E os días que estiveches ingresado, que nos escribíamos cartas. Non sei onde quedarían, pero sería xenial telas recuperado, coa túa letra desastrosa de cinco anos (mira quen foi falar!). Todo o mundo se sorprendía de que nos escribíramos, pequeno como eras, e tiña moita gracia; ti contábasme o día aburrido de hospital e eu o día aburrido na casa de Purilla.

8-As mudanzas, e o medo que nos daba aquel piso de aluguer con papel nas paredes... e o divertido que era pintar na terraza.

9-Tódolos veráns en Tirán. Sen dúbida, un dos mellores recordos da miña infancia. Os días na praia facendo castelos, buscando tesouros e aprendendo a nadar (por que sempre tes que facelo todo antes ca min?). A casiña de tela, as tardes de chuvia no faiado buscando nos armarios vellos, a casa de Cris, os tutelos que nos fixera papá e cos que arruinamos varias camisetas...

10-Lembro as tardes na Garrida e na Pouleira, na piscina de Adri. Os xogos coas escobas na casa dos avós. As carreiras con Misca e Trotsky polas pedras...

11-Os días que xogabamos nas obras da casa e a mudanza definitiva a Vincios.

12-A Sobreira, cos de Zamáns (dos que riamos tanto e que daban tanto medo). As carreiras de bicis pola Fraga e os accidentes máis ou menos aparatosos. A piscina grande.

13-O famoso Fin de Ano no que ningún Cabezas comeu as uvas... ese si que foi grandioso. E o teu cabreo, menudo berrinche!

14-Agamenón (Aga, para os amigos). Os primeiros días, cando era un cadeliño e choraba. Os intentos por civilizalo, en van. O seu berce que houbo que tirar para que non seguise dándolle renda solta ao seu desexo sexual. Aga meténdose na piscina, entrando na casa e ladrando para que soubésemos que estaba aí. Aga sentado no sofá cheo de lama (aquel día a mamá case lle dá un patatús), cheirando todo o garaxe porque sabía que nalgún lado estaba a súa comida...

15-O teu primeiro día de instituto. Estabamos ti, Marta e mais eu e nós dábamosche consellos para o primeiro día de clase. Non sei cal dos tres estaba máis nervioso :-).

16-As viaxes no insoportable (e inmundo) autobús ao instituto, co Discman oíndo calquera cousa para non ter que oír a música horrible de Chuvias... ou de Tino.

17-A miña selectividade e os folgos que me deches (e o pin da sorte, non o esquezas ti!)

18-As apertas de verdade, desas que din que me vas botar de menos sen que mo teñas que dicir ti. As veces que me pides que volte (xa te arrepentirás) para facer cousas xuntos.

19-Os plans que temos para este verán :-)

20-Tódolos agasallos que me fixeches, dende o CD feito por tódolos meus amigos, o álbum de fotos co que te percorreches Vigo para que o asinasen todos, as fotografías, os zapatiños para saír voando, a canción máis bonita do mundo...

...e mentres eu o único que fago hoxe é sacarte da ducha para cantarche o Parabéns, pór unha montaxe horrible no fotolog e escribirche isto, que é cutre pero espero que che faga ilusión. Lembro moitas outras cousas, por suposto, que 18 anos dan para moito, pero quizais estas sexan das máis relevantes.

Quérote moito, Teo, e aínda que reneguemos o un do outro continuamente sei que eu non sería como son sen ti... e supoño que ti tampouco sen min. Biquiños! E de novo, parabéns!

Chuzame! chúzame -

Hai que velo

Posted by leituga on 03 xun 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas, Política

Supoño que moitos xa o coñeciades e outros tantos vístelo pola tele cando o emitiron, pero para os que non (ou para os exiliados):

Linguas Cruzadas, un documental feito para a TVG sobre o emprego do galego e o castelán nas novas xeracións, ou o que é o mesmo: nós e o bilingüismo esquizofrénico.

Chuzame! chúzame -

Sweet Caroline

Posted by leituga on 02 xun 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

E porque non todo vai ser negativo, vou compartir con vós (mira qué xenerosa) unha das pequenas-modestas-cutriñas producións que fixemos ao longo da carreira.

Mañana Negro é o que xorde dun proxecto de Producción Audiovisual de comezos deste último ano, crear unha curtametraxe instantánea. A cousa, segundo a profesora, consiste en colle-los os equipos e en 24h gravar algo, o que se nos ocorra, de non máis de tres minutos, co títutlo 'Mañana Negro'. E este é o resultado. A historia dunha diva vida a menos que esperta unha mañán e...

Chuzame! chúzame -

O de Gondomar é un escándalo

Posted by leituga on 02 xun 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas, Política

Non entendo qué aconteceu, porque o que escribira desapareceu. O que viña dicindo é que me parece escandaloso o que está a pasar en Gondomar. Resulta que a uns días de entrega-la alcaldía, Carlos Silva e os seus deciden adianta-la fogueira de San Xoan e queimar documentos oficiais e da concellalía de Urbanismo así, con toda a súa cara. E agora, descuberto o pastel, aparece o señor Silva na Voz de Galicia dicindo que non sabía nada do tema e que todo é unha estrataxema da oposición para desacreditalos. Pero é que aínda non se decatou de que el soíño se desacredita? 

Os documentos da concellalía de Urbanismo, a máis corrupta de todas e que segue baixo sospeita, arderon misteriosamente. En fin. De xulgado de garda é este concello.

PD: O 15 de Xuño tralo derradeiro exame da carreira, volvo a Vincios (dez días). En xullo volvo DE-FI-NI-TI-VA-MEN-TE.

Chuzame! chúzame -

Zorionak!

Posted by leituga on 30 mai 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

Parabéns para miiiin!

Pois si, estou de aniversario. Un aniversario dominado polo cambio, a tódolos niveis.

E xa recibín as primeiras felicitacións e os primeiros agasallos! (que, por certo, xa non só é que non teña queixa, é que estou superagradecida! -osea-).

Grazas aos que estades, aos que vos lembrades e aos que seguides aí, pase o que pase. Se o merezo ou non, o tempo o dirá.

Chuzame! chúzame -

Precipitándome

Posted by leituga on 28 mai 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas, Política

Co 70% do voto escrutado, atrévome a lanza-las campás ao voo. GRAZAS, GONDOMAR! Unha vez máis a democracia demóstrame que, se participas, funciona. Con autobuses cheos de vellos, con corrupción urbanística, con voto emigrante falseado... e aínda así, é posible.

Se a cousa queda así, o PP obtería 7 escanos, o BNG 5, o PSOE 4 e MOVE GONDOMAR 1, co cal, cun pacto entre BNG e PSOE, Antón Araúxo sería alcalde! Parabéns para el, e parabéns para tódolos que imos poder disfrutar desta nova etapa, da súa calidade como persoa e como candidato. Ogallá, ogallá a ilusión que sinto agora mesmo se vexa reforzada nestes vindeiros catro anos. Porque nolo merecemos.

Aburiño, Silva!

PD: Definitivamente, é unha etapa de cambio.

Chuzame! chúzame -

Extraperrestres

Posted by leituga on 24 mai 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

Extraperrestres é un proxecto de animación que comezou hai cousa de catro anos. O Colectivo Garrafón estaba inmerso nunha das súas reunións de traballo, desas que sempre acababan en desbarre, cando alguén (probablemente Carlos) fixo un dos xogos de palabras absurdos que nos caracterizaban. E a partires de aí naceron persoeiros como Perrita Hayworth, Perrol Flynn, Sando-Can, Cadela Vargas, etc. Ben, pois o que en principio era unha coña estase a converter, da man dunha das garrafónicas (ver aquí) nun proxecto de curta de animación:

'Extraperrestres. Porque la Galaxia está llena de hijos de perra'.

 Xa vos irei contando os progresos.

 Por certo, por se non o sabedes (ou non o lembrades) os integrantes do Colectivo Garrafón, son os mesmos que crearon e disolveron Rara Avis Produccións e que formaron parte do FLAN (Fronte de Liberación Audiovisual do Noroeste). Para máis info: 1, 2, 3, 4, 5, ...

Chuzame! chúzame -

« Previous PageNext Page »