Leitugadas

Archived Posts from this Category

Actualizando

Posted by leituga on 01 nov 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

Ultimamente non teño nin tempo.

Sei que soa a excusa e que sempre digo o mesmo, pero é certo. De feito, ando a tantas cousas ultimamente que no anterior post esquecín pega-la ligazón á que quería facer referencia. Non era nada importante (case nunca o é), simplemente un artigo escrito por vaitetisaberquén da Voz de Galicia no que non se vertía para nada a opinión da autora. Imparcial imparcial.

A noite de onte foi do máis divertida. Iso de disfrazarse de nenas vudú (véxase Tim Burton para máis referencias) e que a xente te confunda cun zombie... ben, zombie parezo hoxe, a verdade. Vaia ponte de Tódolos Santos!

...déixovos, teño que traballar!

Chuzame! chúzame -

Yo-YoLanda Castaño

Posted by leituga on 17 out 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

En fin...

Seguro que moitos de vós oístesme algunha vez proferir improperios (suaves, sempre, que eu non son de dicir cousas malsoantes) contra Yo-YoLanda (e máis agora que traballa na versión galega do Cifras e Letras). A miña nai sempre insiste en que vaia ao concurso (500 euriños por programa... non era mala idea) pero a soa visión de Yo-YoLanda in person bótame para atrás. A súa 'poesía' por chamarlle algo non me gusta nada, pero quizais sexa a súa persoa o que máis me alporiza. Non podo entender cómo se pode ser tan... non hai palabra que a defina por completo na súa pedantería. E iso antes de entrar hoxe na páxina de Aduaneiros. Amigo!

 Hai un par de meses entrei en Aduaneiros e vin unha das súas creacións, na que Yo-YoLanda imitaba ás 'mariquitas', aquelas bonecas con roupa de papel de quita e pon, cos seus trapiños. Fíxome gracia, a verdade, porque coma o resto dos seus deseños, tiña bastante coña. Cal é a miña sorpresa cando hoxe volvo entrar (de forma casual, prométovolo) e vexo isto. Despois lin en Vieiros o resto da noticia... vas gañado amigos, Castiñeira.

Chuzame! chúzame -

Rematou

Posted by leituga on 17 set 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

Rematou o verán, definitivamente, e con el, como dixen onte, caeu outro dos meus ideais (se queredes ler máis sobre o tema, aquí). Tódalas experiencias teñen algunha utilidade, aínda que nun comezo non lla vexamos. Eu sei que o primeiro despido serve (servirame) para aprender a levar estas cousas con dignidade, para aprender a saír pola porta coa cabeza ben alta, sobretodo en casos coma este, sabendo que non é pola miña culpa e que todo o que puiden facer, fíxeno. E máis. Non creo que teña nin que ocultalo nin que avergoñarme... o mundo (audiovisual) é así; precario.

Un verán que remata, unha posible beca en trámite, un proceso de reconstrucción sobre seguro entre nós, unha vida social interesante e unha familia que (malia todo o que fago) segue aí... non me entristezo porque teño motivos máis que de sobra para ser feliz, e o que parecía a fin do mundo (a non-renovación) converteuse noutro reto a superar, noutra proba... quen sabe, ata pode saír ben.

Lección aprendida? hai que saber valora-lo que os demais fan por nós, e xulgar despois.

Chuzame! chúzame -

Compostelá

Posted by leituga on 16 ago 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

Así que dende o vindeiro sábado (dous días, dende o momento no que escribo isto) serei máis compostelá que miñorana.

Se queredes saber máis sobre o que andarei a facer:

http://www.festivalamal.es/

 ... ou seguide atentos ao voso blogue favorito :P

so close, no matter how far...

Chuzame! chúzame -

feliz

Posted by leituga on 13 ago 2007 | Tagged as: Leitugadas

This love isn't good unless it's me and you.

Porque estás aí, e iso é o que importa.

Chuzame! chúzame -

Compostela

Posted by leituga on 10 ago 2007 | Tagged as: Caos, Leitugadas

Non fun alí a remata-los estudos de violín
Tampouco cando quería estudar Dereito
Nin cando quixen facer Historia ou Filoloxía Galega
Non fun face-lo segundo ciclo da carreira coma pensara nun comezo
Nin a continua-la miña andaina universitaria con Xornalismo

...e agora, de forma imprevista e inesperada, o día 20 comezo a miña andaina laboral aí. Estabamos condenadas, Compostela. Algún día ía ser, e son moi paciente.

Por favor, se precisades unha compañeira de piso (simpática, intelixente e limpa :P) ou sabedes de alguén que precise reencher un piso, avisádeme!! Que teño 10 días para atopar onde durmir, ou terei que ir baixo unha ponte

Chuzame! chúzame -

Abandono

Posted by leituga on 30 xull 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

Este blog debe de te-lo síndrome do can abandonado no verán.

O certo é que debería ter escrito máis estes días, pero o verán incita á pereza e a saír máis do normal, así que pídovos desculpas aos que vos pasedes por aquí de cando en cando esperando novas e atopedes unha entrada escrita hai un mes.  Non é que este mes teña sido especialmente movido, nin marchei de viaxe a lugares exóticos, simplemente estou tentando reorganiza-la miña vida, quedar cos meus amigos e ir a algún que outro concerto, que é o mellor que se pode facer no verán :)

Así que se non sabedes de min podedes facer dúas cousas: pensar que estou a pasar un verán incrible, ou pasarvos por www.fotolog.com/leituga

Vémonos nos bares!

Chuzame! chúzame -

Sensacións

Posted by leituga on 03 xull 2007 | Tagged as: Caos, Cousas..., Leitugadas

Hai un anaco estaba a ler o blog dunha das pensadoras da nosa era, a raparigha, cando de súpeto atopei unha das frases máis acertadas que veño de ler nos últimos tempos:

"Viaxar, durmir, namorar, son tres convites ao mesmo. Tres xeitos de ir a outra parte, a un lugar, a lugares que non sempre entendemos, que nunca gobernamos, que cada noite son distintos, e cada mañán deslúmbrannos e asústannos coma unha tarde de sarabia en outubro" -frase de Ángeles Maestretta modestamente traducida por min (sede benévolos)-

Mentres lía isto, comezou a soar unha das miñas cancións favoritas, e de súpeto, sen estar a facer nada extraordinario, sentinme ben. Coido que aínda me queda moito que camiñar e moito que pasar antes de chegar a sentirme como desexo: forte e feliz. Pero este é un bo camiño. As cousas ultimamente están a saír, dentro do que podo esperar, ben. A miña vida académica e a euskalduna finalizaron case ao mesmo tempo e a volta a casa está a ser mellor do que agardaba. E a partires de aí, mellorando.

As conversas de horas, as bágoas, os reproches e as desculpas valen a pena se o que conseguimos é seguir a ser atípicos, ser amigos pese a todo e face-lo que cremos que temos que facer, independentemente do que opinen os demais.

E aos demais, grazas aos que entendedes todo o que está a pasar, me apoiades e respetades. Ao resto tururú, teño tanto que facer de aquí en diante que non penso determe nin un minuto a prestarlle atención ao que teñades que dicir sobre algo que non entendedes. Algo que estades a anos luz de entender.

Chuzame! chúzame -

LICENCIADA

Posted by leituga on 29 xun 2007 | Tagged as: Caos, Cousas..., Leitugadas

Esta mañán chorei de ledicia, por primeira vez en moito tempo (e emocionei ao meu pai, que falaba comigo por teléfono neses intres):

 Dereito da Información: 5'5 (e eu que pensaba que fixera un bo exame)

Historia Contemporánea e Cine: 7

Documental de creación: 7

Produción e realización en Radio: 8

Teoría da Comunicación Audiovisual: 8

Sistema Comunicativo español e vasco: 8

Comportamento Político: 9

Producción e Realización Audiovisuais: 9

... son Licenciada en Comunicación Audiovisual. Non o podo crer.

E o martes teño unha entrevista de traballo na Coruña, polo que recollo os meus bártulos bilboetas a todo correr e mañán a estas horas estarei subida nun autobús que me deixará de volta en Vincios. Quen me ía dicir que ía voltar a casa antes do que pensaba, antes do previsto, e con tan boas novas. Á vista do resultado, o teórico de conducir pode agardar... ogallá esta entrevista sexa mellor que as anteriores :-D

Vémonos en Churruca!

Chuzame! chúzame -

Express

Posted by leituga on 25 xun 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

Bob Dylan trabucouse cando dixo aquilo de 'Time passes slowly up here in the mountains'. Estes dez días pasaron tan rápido e teño a sensación de que os aproveitei tan mal que dá rabia ter que marchar. Esta noite toca volta a Bilbo para facer algúns trámites (e para, con sorte, estar un pouco máis preto dese L verde que tanto medo me dá). Non sei exactamente qué día hei vir de volta a Vincios, pero non creo que sexa moi tarde (tampouco quero adiantar acontecementos, a verdade).

De momento teño a sensación de que estes días foron, coma tantas outras veces, unha visita e non o que realmente significan: unha volta á orixe (coma Larsa). Nunca fun quen de asimilar dignamente as etapas de cambio, pero desta vez o certo é que teño moitas ganas de afronta-lo que en principio é o descalabro dos meus supostos plans de futuro e enfrontarme a esta nova etapa de cambios a tódolos niveis, a sabendas de que as persoas que me queren e ás que lle importo están aí, dando o seu apoio sen xulgar.

 Ao que ía, que sempre me vou camiño de Úbeda: grazas por escoitarme, por facer flan (mamá, quérote! :P), por darme aloxamento auriense, por tirarme das orellas por faltar ao meu compromiso compostelán, por facer plans para viaxes pendentes, por convidarme a concertos e animarme, por estar aí sen ter que pedilo e por convencerme de que este verán vai ser, cando menos, algo do que aprender. Que queda moito por diante! 

PD: Marta converteuse, sen eu velo, na gañadora do Primeiro premio da EIS de Vigo pola curtametraxe 'Sueños'. É ou non unha pequena xenio?

Chuzame! chúzame -

« Previous PageNext Page »