Cousas...

Archived Posts from this Category

Rematou

Posted by leituga on 17 set 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

Rematou o verán, definitivamente, e con el, como dixen onte, caeu outro dos meus ideais (se queredes ler máis sobre o tema, aquí). Tódalas experiencias teñen algunha utilidade, aínda que nun comezo non lla vexamos. Eu sei que o primeiro despido serve (servirame) para aprender a levar estas cousas con dignidade, para aprender a saír pola porta coa cabeza ben alta, sobretodo en casos coma este, sabendo que non é pola miña culpa e que todo o que puiden facer, fíxeno. E máis. Non creo que teña nin que ocultalo nin que avergoñarme... o mundo (audiovisual) é así; precario.

Un verán que remata, unha posible beca en trámite, un proceso de reconstrucción sobre seguro entre nós, unha vida social interesante e unha familia que (malia todo o que fago) segue aí... non me entristezo porque teño motivos máis que de sobra para ser feliz, e o que parecía a fin do mundo (a non-renovación) converteuse noutro reto a superar, noutra proba... quen sabe, ata pode saír ben.

Lección aprendida? hai que saber valora-lo que os demais fan por nós, e xulgar despois.

Chuzame! chúzame -

A Terra non é redonda.

Posted by leituga on 30 ago 2007 | Tagged as: Cousas...

"Cando era novo aprendéronme dúas cousas que non podo esquecer:

-que todos tiñamos garantida a seguridade

-e que a Terra é redonda.

Gastei moito tempo pensando nestas dúas cousas e decidín ir na procura da verdade.

Pechei os ollos... e cando os abrín deime conta de que:

-non todos temos garantida a seguridade

-e que a Terra non é redonda.

Para moitos de nós... é costa arriba."

Pepe Carrasco, director de 'La Tierra no es redonda'. 2007.

Chuzame! chúzame -

Compostelá

Posted by leituga on 16 ago 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

Así que dende o vindeiro sábado (dous días, dende o momento no que escribo isto) serei máis compostelá que miñorana.

Se queredes saber máis sobre o que andarei a facer:

http://www.festivalamal.es/

 ... ou seguide atentos ao voso blogue favorito :P

so close, no matter how far...

Chuzame! chúzame -

Abandono

Posted by leituga on 30 xull 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

Este blog debe de te-lo síndrome do can abandonado no verán.

O certo é que debería ter escrito máis estes días, pero o verán incita á pereza e a saír máis do normal, así que pídovos desculpas aos que vos pasedes por aquí de cando en cando esperando novas e atopedes unha entrada escrita hai un mes.  Non é que este mes teña sido especialmente movido, nin marchei de viaxe a lugares exóticos, simplemente estou tentando reorganiza-la miña vida, quedar cos meus amigos e ir a algún que outro concerto, que é o mellor que se pode facer no verán :)

Así que se non sabedes de min podedes facer dúas cousas: pensar que estou a pasar un verán incrible, ou pasarvos por www.fotolog.com/leituga

Vémonos nos bares!

Chuzame! chúzame -

Sensacións

Posted by leituga on 03 xull 2007 | Tagged as: Caos, Cousas..., Leitugadas

Hai un anaco estaba a ler o blog dunha das pensadoras da nosa era, a raparigha, cando de súpeto atopei unha das frases máis acertadas que veño de ler nos últimos tempos:

"Viaxar, durmir, namorar, son tres convites ao mesmo. Tres xeitos de ir a outra parte, a un lugar, a lugares que non sempre entendemos, que nunca gobernamos, que cada noite son distintos, e cada mañán deslúmbrannos e asústannos coma unha tarde de sarabia en outubro" -frase de Ángeles Maestretta modestamente traducida por min (sede benévolos)-

Mentres lía isto, comezou a soar unha das miñas cancións favoritas, e de súpeto, sen estar a facer nada extraordinario, sentinme ben. Coido que aínda me queda moito que camiñar e moito que pasar antes de chegar a sentirme como desexo: forte e feliz. Pero este é un bo camiño. As cousas ultimamente están a saír, dentro do que podo esperar, ben. A miña vida académica e a euskalduna finalizaron case ao mesmo tempo e a volta a casa está a ser mellor do que agardaba. E a partires de aí, mellorando.

As conversas de horas, as bágoas, os reproches e as desculpas valen a pena se o que conseguimos é seguir a ser atípicos, ser amigos pese a todo e face-lo que cremos que temos que facer, independentemente do que opinen os demais.

E aos demais, grazas aos que entendedes todo o que está a pasar, me apoiades e respetades. Ao resto tururú, teño tanto que facer de aquí en diante que non penso determe nin un minuto a prestarlle atención ao que teñades que dicir sobre algo que non entendedes. Algo que estades a anos luz de entender.

Chuzame! chúzame -

LICENCIADA

Posted by leituga on 29 xun 2007 | Tagged as: Caos, Cousas..., Leitugadas

Esta mañán chorei de ledicia, por primeira vez en moito tempo (e emocionei ao meu pai, que falaba comigo por teléfono neses intres):

 Dereito da Información: 5'5 (e eu que pensaba que fixera un bo exame)

Historia Contemporánea e Cine: 7

Documental de creación: 7

Produción e realización en Radio: 8

Teoría da Comunicación Audiovisual: 8

Sistema Comunicativo español e vasco: 8

Comportamento Político: 9

Producción e Realización Audiovisuais: 9

... son Licenciada en Comunicación Audiovisual. Non o podo crer.

E o martes teño unha entrevista de traballo na Coruña, polo que recollo os meus bártulos bilboetas a todo correr e mañán a estas horas estarei subida nun autobús que me deixará de volta en Vincios. Quen me ía dicir que ía voltar a casa antes do que pensaba, antes do previsto, e con tan boas novas. Á vista do resultado, o teórico de conducir pode agardar... ogallá esta entrevista sexa mellor que as anteriores :-D

Vémonos en Churruca!

Chuzame! chúzame -

Express

Posted by leituga on 25 xun 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

Bob Dylan trabucouse cando dixo aquilo de 'Time passes slowly up here in the mountains'. Estes dez días pasaron tan rápido e teño a sensación de que os aproveitei tan mal que dá rabia ter que marchar. Esta noite toca volta a Bilbo para facer algúns trámites (e para, con sorte, estar un pouco máis preto dese L verde que tanto medo me dá). Non sei exactamente qué día hei vir de volta a Vincios, pero non creo que sexa moi tarde (tampouco quero adiantar acontecementos, a verdade).

De momento teño a sensación de que estes días foron, coma tantas outras veces, unha visita e non o que realmente significan: unha volta á orixe (coma Larsa). Nunca fun quen de asimilar dignamente as etapas de cambio, pero desta vez o certo é que teño moitas ganas de afronta-lo que en principio é o descalabro dos meus supostos plans de futuro e enfrontarme a esta nova etapa de cambios a tódolos niveis, a sabendas de que as persoas que me queren e ás que lle importo están aí, dando o seu apoio sen xulgar.

 Ao que ía, que sempre me vou camiño de Úbeda: grazas por escoitarme, por facer flan (mamá, quérote! :P), por darme aloxamento auriense, por tirarme das orellas por faltar ao meu compromiso compostelán, por facer plans para viaxes pendentes, por convidarme a concertos e animarme, por estar aí sen ter que pedilo e por convencerme de que este verán vai ser, cando menos, algo do que aprender. Que queda moito por diante! 

PD: Marta converteuse, sen eu velo, na gañadora do Primeiro premio da EIS de Vigo pola curtametraxe 'Sueños'. É ou non unha pequena xenio?

Chuzame! chúzame -

Leituga retornada

Posted by leituga on 19 xun 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

Vaiamos por partes, que dixo Jack o Destripador:

1- Cheguei a Vincios o sábado pola mañán, con maletas de cencocincuenta quilos (quilo arriba, quilo abaixo). Parece mentira a de cousas que se acumulan en dous anos (e o que falta por traer!)

2- Fáltanme dúas notas, pero de momento podo afimar que xa non vou volver pisa-la universidade, nin a viguesa nin a bilboeta como alumna. Son cuaselicenciada en Comunicación Audiovisual!

3- Esta tarde teño a miña primeira entrevista de traballo :-D

4- O resto da miña vida, está en Stand By.

5- Se queredes quedar, saber, preguntar, xa sabedes onde estou!

6- Mañán danme o meu flamante novo ordenador! :-D

7- en breve... exame de conducir. Socorro!

Chuzame! chúzame -

Rakel

Posted by leituga on 12 xun 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

A cousa vai de felicitacións ultimamente. Vese que finais de agosto e comezos de setembro é unha época que incita ao arrime, porque senón non me explico que haxa tantos nacementos entre finais de maio e comezos de xuño :P

Hoxe tócalle o turno a Rakel, ou o que é o mesmo, á raparigha. Rakel é, sen dúbida, a miña amiga máis antiga (que non a máis vella). A nosa historia vén de lonxe: temos un tataravó común, o que nos leva a bisavós irmáns e avós curmáns... e, ademais de ser veciñas, as nosas nais e tías son amigas dende sempre. Podería dicirse que estamos condenadas a entendernos, pero non é así. Coñecémonos dende moi cativas, e mesmo hai fotos que retratan momentos xuntas que eu nin lembro, aínda que en realidade non comezamos a levarnos ben ata os trece, catorce... por aí. Viviamos (agora en pretérito) preto e os nosos gustos musicais, literarios e reivindicativos coinciden ata extremos preocupantes :P.

Sei que xa o dixen algunha que outra vez, pero admiro moito a Rakel. Dende que eramos pequenas ela tiña claro qué era o que quería estudar, qué era o que quería facer e a qué se quería adicar. Sempre envexei a súa decisión (eu, a raíña da incertidume) e a súa capacidade para atoparlle o lado bo a todo. Ademais, Rakel é unha desas persoas que a miña nai chama reversibles: bonita por fóra, bonita por dentro :-)

Sei que debería ter escrito outra cousa, algo máis profundo, unha exaltación da amizade ao máis puro estilo etílico, pero en realidade o que quería facer con isto era, ademais de felicitala polos 23, darlle as grazas. Ela, ademais de amiga, crítica literaria, crítica cinematográfica e sobretodo gurú musical, é a miña confesora e unha orella sempre disposta a escoitar. Os seus consellos, os seus folgos, as súas dúbidas e mesmo as súas críticas levan axudándome anos e anos e anos, mesmo agora, na distancia (debería dicir: SOBRETODO agora, na distancia). Qué bo é saber que cando volte a casa vai estar aí para rir, para chorar, para pasar tardes no sofá coma antes, para tomar cañas e dar paseos polo Casco Vello, para ir a concertos, para facer tódolos plans que temos pendentes que sempre deixamos dun ano para o outro e que algún día cumpriremos. Que hai tempo.

Asko maite zaitut, Rakeliña! 

Zorionak!

Chuzame! chúzame -

Medo (outra vez)

Posted by leituga on 10 xun 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

É en momentos así, estando soa, cando máis me asaltan as dúbidas: ¿Estou facendo o correcto? Ogallá houbese algún xeito de saber que os pasos que damos van ser cara adiante.

De momento estou inmersa nunha amalgama de sensacións e non sei cómo describilas... ou como saír de aquí. Penso que o que fago é o que teño que facer, pero tamén que no meu egoísmo estou ferindo a moitas persoas, estoume levando por diante algo que poida que non se volva repetir. E dá medo.

Tiñas razón cando dicías que hai dúas eu: a que son e a que me gustaría ser. Estou tomando decisións para chegar a se-la que me gustaría ser... e coido que estou esquecendo á que son de verdade, a que vai sufrir por isto.

O outro día veume á cabeza unha palabra: inefable. Paradoxalmente, é a única palabra que describe o meu estado de ánimo agora. Se me preguntasen qué tal estou, non podería contestar. Que tal estou? pois ben pero mal, contenta pero triste, con ganas pero con medo.

Achégase o día D. Esta semana toca facer maletas, preparar unha mudanza e pensar no resto dos días. O meu lado valente dime 'adiante, non o penses dúas veces e faino, sabes que é o que queres facer'. O meu lado racional (o covarde, o que leva rexindo a miña vida tantos anos) di 'pénsao, é isto o que queres? estás segura? vaste arrepentir, e sábelo, e cando te decates será tarde'. E sei que non será ata ese momento no que eu chegue a ser consicente da magnitude da decisión, da magnitude do elixido. E non hai dúas vidas paralelas, non hai forma de saber cómo terían sido as cousas sen facer X, ou qué tería pasado se me quedo, ou se marcho a outro lugar en troques de voltar a casa.

Un amigo preguntoume o outro día se non me gustaba a sensación de non saber qué vas estar facendo dentro dunha semana. E non, a min non me gusta. A min gústame saber qué vou facer, onde e como. De momento só sei o onde: en Vincios. E haberá tantas cousas que queden atrás que será imposible enumeralas.

Chuzame! chúzame -

« Previous PageNext Page »