24.
Posted by leituga on 18 nov 2007 at 02:56 pm | Tagged as: Cousas..., Leitugadas
Xan era de Moaña, aínda que había uns anos que vivía a cabalo entre Vigo e Tirán. Era alto, atlético e remaba nun equipo de traíñas que de cando en vez gañaba algún trofeo. Conducía un R-5 vermello (debía de ser bastante cómico velo saír, tan alto, daquela miniatura) e tiña un bo gusto musical.
Concha era de Valadares, Vigo. Era pequeniña, de tez moi pálida, voz suave e riso contaxioso. Era unha rapaza algo tímida, pero coas ideas moi claras. Gustáballe escoitar música, ir a concertos, pero sobretodo gustáballe ler.
Casualidades da vida, uns amigos comúns (un amigo de Xan e unha amiga de Concha) comezaron a saír, o que provocou non só que se coñeceran, senón que pasaran xuntos máis tempo do que seguramente lles tivese gustado ao comezo. E comezaron a falar, a coñecerse, a ver que tiñan máis cousas en común das que pensaban... e naceu o ¿amor?
Como tódalas parellas, Xan e Concha comparten segredos, teñen a súa propia canción (Como esperando abril, de Silvio), sábense seguros o un ao lado do outro, sortean como poden as horribles modas dos 80', fan plans de futuro e proxectos comúns... ata que un día todo se precipita, para ben (entro eu en escea). A partires de aí, o habitual en tódalas boas historias de amor: superar negativas, vencer ás faladurías e aos atrancos e ao feito de que a todo o mundo lle parecía unha tolemia que casaran (e moito máis polo civil!). O 18 de Novembro de 1983 casaron. Probablemente para eles fose un trámite daquela, un simple papel que certifica que son parella, cousa que xa eran dende había tempo. Un seguro legal, unha tranquilidade para as familias. Hoxe, 24 anos despois, están a celebralo, porque supoño que está ben pór unha data para celebrar esas cousas, pero en realidade a eles non lles fai falla ter un día. Basta velos a cotío para decatarse de canto se queren e canto se admiran o un ao outro. Basta velos para decatarse de que, despois de todo o que pasaron xuntos e de todo o que lles pasou a cada un, seguen queréndose non coma o primeiro día, quérense distinto, quérense mellor.
Non creo que exista o amor perfecto nin a media laranxa, pero hai dúas parellas que se asemellan moito a iso: os meus avós maternos, que seguen namorados o un do outro coma adolescentes, e os meus pais (Xan e Concha, por se non vos decatárades). Despois de todo, se teño dous exemplos tan preto que certifican que se non hai un amor perfecto, case-case, supoño que terei que comezar a crer... e a buscar.
Parabéns para eles, que sen buscalo o atoparon. Supoño que aí está o segredo.
PD: si, sei que fago trampas.
chúzame -
Sí
Yo sí creo en el amor perfecto, bueno, no en uno perfecto, pero al menos en uno eterno. Y creo más cuando veo, pues eso, a parejas que ya llevan 30 años y se quieren y se quieren mucho y se hacen felices y todo lo demás.
También creo que el problema de los tiempos modernos es que ya no se cree y es muy difícil implicarse 100% en algo que crees que podría ser sólo relativo. Temporal. Limitado.
Y también que olvidamos que lo importante no es lo perfecto. Que lo importante es ser capaz de creer en algo que no es perfecto.
Parabéns!
Pois que teñas sorte na busca.