Novembro 2007
Monthly Archive
Monthly Archive
Posted by leituga on 18 Nov 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas
Xan era de Moaña, aínda que había uns anos que vivía a cabalo entre Vigo e Tirán. Era alto, atlético e remaba nun equipo de traíñas que de cando en vez gañaba algún trofeo. Conducía un R-5 vermello (debía de ser bastante cómico velo saír, tan alto, daquela miniatura) e tiña un bo gusto musical.
Concha era de Valadares, Vigo. Era pequeniña, de tez moi pálida, voz suave e riso contaxioso. Era unha rapaza algo tímida, pero coas ideas moi claras. Gustáballe escoitar música, ir a concertos, pero sobretodo gustáballe ler.
Casualidades da vida, uns amigos comúns (un amigo de Xan e unha amiga de Concha) comezaron a saír, o que provocou non só que se coñeceran, senón que pasaran xuntos máis tempo do que seguramente lles tivese gustado ao comezo. E comezaron a falar, a coñecerse, a ver que tiñan máis cousas en común das que pensaban... e naceu o ¿amor?
Como tódalas parellas, Xan e Concha comparten segredos, teñen a súa propia canción (Como esperando abril, de Silvio), sábense seguros o un ao lado do outro, sortean como poden as horribles modas dos 80', fan plans de futuro e proxectos comúns... ata que un día todo se precipita, para ben (entro eu en escea). A partires de aí, o habitual en tódalas boas historias de amor: superar negativas, vencer ás faladurías e aos atrancos e ao feito de que a todo o mundo lle parecía unha tolemia que casaran (e moito máis polo civil!). O 18 de Novembro de 1983 casaron. Probablemente para eles fose un trámite daquela, un simple papel que certifica que son parella, cousa que xa eran dende había tempo. Un seguro legal, unha tranquilidade para as familias. Hoxe, 24 anos despois, están a celebralo, porque supoño que está ben pór unha data para celebrar esas cousas, pero en realidade a eles non lles fai falla ter un día. Basta velos a cotío para decatarse de canto se queren e canto se admiran o un ao outro. Basta velos para decatarse de que, despois de todo o que pasaron xuntos e de todo o que lles pasou a cada un, seguen queréndose non coma o primeiro día, quérense distinto, quérense mellor.
Non creo que exista o amor perfecto nin a media laranxa, pero hai dúas parellas que se asemellan moito a iso: os meus avós maternos, que seguen namorados o un do outro coma adolescentes, e os meus pais (Xan e Concha, por se non vos decatárades). Despois de todo, se teño dous exemplos tan preto que certifican que se non hai un amor perfecto, case-case, supoño que terei que comezar a crer... e a buscar.
Parabéns para eles, que sen buscalo o atoparon. Supoño que aí está o segredo.
PD: si, sei que fago trampas.
chuzame -
Posted by leituga on 01 Nov 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas
Ultimamente non teño nin tempo.
Sei que soa a excusa e que sempre digo o mesmo, pero é certo. De feito, ando a tantas cousas ultimamente que no anterior post esquecín pega-la ligazón á que quería facer referencia. Non era nada importante (case nunca o é), simplemente un artigo escrito por vaitetisaberquén da Voz de Galicia no que non se vertía para nada a opinión da autora. Imparcial imparcial.
A noite de onte foi do máis divertida. Iso de disfrazarse de nenas vudú (véxase Tim Burton para máis referencias) e que a xente te confunda cun zombie... ben, zombie parezo hoxe, a verdade. Vaia ponte de Tódolos Santos!
...déixovos, teño que traballar!
chuzame -