Xullo 2007

Monthly Archive

Abandono

Posted by leituga on 30 Xull 2007 | Tagged as: Cousas..., Leitugadas

Este blog debe de te-lo síndrome do can abandonado no verán.

O certo é que debería ter escrito máis estes días, pero o verán incita á pereza e a saír máis do normal, así que pídovos desculpas aos que vos pasedes por aquí de cando en cando esperando novas e atopedes unha entrada escrita hai un mes.  Non é que este mes teña sido especialmente movido, nin marchei de viaxe a lugares exóticos, simplemente estou tentando reorganiza-la miña vida, quedar cos meus amigos e ir a algún que outro concerto, que é o mellor que se pode facer no verán :)

Así que se non sabedes de min podedes facer dúas cousas: pensar que estou a pasar un verán incrible, ou pasarvos por www.fotolog.com/leituga

Vémonos nos bares!

Chuzame! chuzame -

o verán

Posted by leituga on 13 Xull 2007 | Tagged as: Lista de ligazóns

...xa chegou. E con el, Vincios (e a miña exaltación pondalista de todo o que me rodea), o rencontro cos meus amigos (botábavos taaaanto de menos!), os mosquitos, a suor e os concertos. Mañán toca Cultura Quente (aínda que de ter sido un pouco máis rica, estaría no SummerCase coa raparigha :P) e escoitar cancións en directo tan boas coma a que vos deixo ao final. Polo demais, veño de rematar dous libros completamente diferentes, En tiempo de prodigios (Marta Rivera de la Cruz), que me decepcionou moito, e Maus, de Art Spiegelman. Levaba tanto tempo detrás dese libro que literalmente o devorei en 24 horas. Agora quédanme V de Vendetta (agasallo do meu irmán) e os test da autoescola que me traen de cabeza. Quen sabe, quizais a final de mes estea máis preto ca nunca de andar motorizada!. ... hoxe pasoume unha cousa curiosa. Levei a revelar un carrete, pensando que o que contiña era producto dos meus paseos bilboetas coa Lomo, e cal foi a miña sorpresa hoxe, ao ilo recoller, cando vexo que as fotos eran da voda da miña curmá, que tivo lugar hai aproximadamente tres anos. O que fai deixa-las cousas metidas nos caixóns e marchar a vivir a outra parte! E ben, para rematar este post intrascendente, unha cancionciña cortesía de Marta:

A pasalo bomba!!

Chuzame! chuzame -

Cambio de goberno

Posted by leituga on 06 Xull 2007 | Tagged as: Política

Zapatero vén de anunciar hoxe a que supoño que será a derradeira remodelación do seu goberno nesta lexislatura. Alédome de que saian do Goberno Trujillo e Carmen Calvo, porque vaia ministras! Entre as medidas ineficaces da primeira (e as zapatillas para buscar piso) e o afán de ser 'guai' da segunda... manda truco.

Os que entran (ou cambian de carteira) son os seguintes:

Cultura será dirixida por César Antonio Molina, o director do Instituto Cervantes. Ogallá se note o cambio.

Vivenda, vaise Trujillo e entra Carme Chacón. A verdade, espero que o faga mellor que a primeira (tampouco é difícil), pero non sei... a min C.Chacón non me gusta moito, paréceme demasiado seguidista, demasiado entusiasta do Psoe, aínda que igual é unha pose, vaite ti a saber.

Administracións Públicas pasa a mans de Elena Salgado, a ex-ministra de Sanidade, e dáselle a patada a Jordi Sevilla.

Sanidade pasará a estar en mans dun científico, Bernat Soria. A ver se desta vez funciona e non resulta coma en anteriores ocasións, nas que un bo científico ocupa un posto político e non consegue chegar ao público.

O certo é que este cambio a última hora, que segundo Zapatero serve para prepara-la seguinte lexistatura, está a ser empregado xa, e coma sempre, coma un signo de debilidade do seu goberno. A min os cambios parécenme ben, sobretodo en Vivenda e Cultura, onde as ministras que ocupaban eses cargos brillaban pola súa ineficacia. Claro que en só oito meses vai ser difícil avaliar se os cambios foron eficaces ou non. O tempo dirá.

Chuzame! chuzame -

Sensacións

Posted by leituga on 03 Xull 2007 | Tagged as: Caos, Cousas..., Leitugadas

Hai un anaco estaba a ler o blog dunha das pensadoras da nosa era, a raparigha, cando de súpeto atopei unha das frases máis acertadas que veño de ler nos últimos tempos:

"Viaxar, durmir, namorar, son tres convites ao mesmo. Tres xeitos de ir a outra parte, a un lugar, a lugares que non sempre entendemos, que nunca gobernamos, que cada noite son distintos, e cada mañán deslúmbrannos e asústannos coma unha tarde de sarabia en outubro" -frase de Ángeles Maestretta modestamente traducida por min (sede benévolos)-

Mentres lía isto, comezou a soar unha das miñas cancións favoritas, e de súpeto, sen estar a facer nada extraordinario, sentinme ben. Coido que aínda me queda moito que camiñar e moito que pasar antes de chegar a sentirme como desexo: forte e feliz. Pero este é un bo camiño. As cousas ultimamente están a saír, dentro do que podo esperar, ben. A miña vida académica e a euskalduna finalizaron case ao mesmo tempo e a volta a casa está a ser mellor do que agardaba. E a partires de aí, mellorando.

As conversas de horas, as bágoas, os reproches e as desculpas valen a pena se o que conseguimos é seguir a ser atípicos, ser amigos pese a todo e face-lo que cremos que temos que facer, independentemente do que opinen os demais.

E aos demais, grazas aos que entendedes todo o que está a pasar, me apoiades e respetades. Ao resto tururú, teño tanto que facer de aquí en diante que non penso determe nin un minuto a prestarlle atención ao que teñades que dicir sobre algo que non entendedes. Algo que estades a anos luz de entender.

Chuzame! chuzame -