É en momentos así, estando soa, cando máis me asaltan as dúbidas: ¿Estou facendo o correcto? Ogallá houbese algún xeito de saber que os pasos que damos van ser cara adiante.

De momento estou inmersa nunha amalgama de sensacións e non sei cómo describilas... ou como saír de aquí. Penso que o que fago é o que teño que facer, pero tamén que no meu egoísmo estou ferindo a moitas persoas, estoume levando por diante algo que poida que non se volva repetir. E dá medo.

Tiñas razón cando dicías que hai dúas eu: a que son e a que me gustaría ser. Estou tomando decisións para chegar a se-la que me gustaría ser... e coido que estou esquecendo á que son de verdade, a que vai sufrir por isto.

O outro día veume á cabeza unha palabra: inefable. Paradoxalmente, é a única palabra que describe o meu estado de ánimo agora. Se me preguntasen qué tal estou, non podería contestar. Que tal estou? pois ben pero mal, contenta pero triste, con ganas pero con medo.

Achégase o día D. Esta semana toca facer maletas, preparar unha mudanza e pensar no resto dos días. O meu lado valente dime 'adiante, non o penses dúas veces e faino, sabes que é o que queres facer'. O meu lado racional (o covarde, o que leva rexindo a miña vida tantos anos) di 'pénsao, é isto o que queres? estás segura? vaste arrepentir, e sábelo, e cando te decates será tarde'. E sei que non será ata ese momento no que eu chegue a ser consicente da magnitude da decisión, da magnitude do elixido. E non hai dúas vidas paralelas, non hai forma de saber cómo terían sido as cousas sen facer X, ou qué tería pasado se me quedo, ou se marcho a outro lugar en troques de voltar a casa.

Un amigo preguntoume o outro día se non me gustaba a sensación de non saber qué vas estar facendo dentro dunha semana. E non, a min non me gusta. A min gústame saber qué vou facer, onde e como. De momento só sei o onde: en Vincios. E haberá tantas cousas que queden atrás que será imposible enumeralas.

Chuzame! chúzame -