Paralelismos…
Posted by leituga on 21 abr 2007 at 07:17 pm | Tagged as: Caos, Cousas..., Leitugadas
Aínda que sei que debería estar a preparar os -espero- derradeiros exames da miña vida universitaria, hoxe estoume a dedicar a outros mesteres.
Non pensades que a vida ten ciclos? Eu si, aínda que non iguais, con certas semellanzas. Por curiosidade volvín ler as primeiras entradas do meu vello blog (anda a ligazón por aí) e resultoume sorprendente atopar isto, escrito nos primeiros días da miña andaina universitaria... aló polo 2003:
..."Sempre pensei que a miña vida tiña un antes e un despois, e a miña meta a acadar era chegar ata aquí, e unha vez que cheguei asáltanme as dúbidas: agora que? que se supón que debo facer? e se fallo? o medo ao fracaso xa non vén dado pola inseguridade de saber se chegaría ata o final, se o conseguiría algún día, senón por non saber qué facer a partir de aquí. É claro que continuar, pero... de onde se sacan os folgos para seguir, se teoricamente xa o conseguiches, se xa non tes que seguir loitando? (...) Supoño que a todos nos pasa nalgún momento, que nos atopamos un tanto desorientados, sen saber moi ben cara onde tirar. Non temos claro o lugar no que se sitúan as rochas, e temos medo de leva-lo barco contra elas"...
Sorpréndeme estar agora exactamente igual. Ter a mesma sensación, volver a sentirme perdida. Sinto que remata outra etapa, quizais a máis importante: pasar de ser estudante a ser... algo, despois de dúas décadas de formación académica... e non sei como enfrontarme a ela. Volvo a experimentar esa sensación de ruptura que notei anteriormente, pero con máis forza. Volvo sentir medo e valor ao mesmo tempo. Sei cal é o punto ao que quero chegar, pero non sei cómo, e teño medo de errar de camiño. Teño medo de facer dano a quen non debo e de que as esperanzas postas no futuro a medio prazo se desvanezan antes de poder chegar a tocalas.
O meu eterno problema: o medo.
Un chisco de paciencia, por favor.
chúzame -
Pensas demasiado, moza. Un par de birras e todo semella distinto, consello de verdura vella :P
Ai. Somos monotemáticas.